O Museo do Mar está ubicado na Avenida da Atlántida, en Alcabre (Vigo), e o primeiro que chama a atención del é a súa arquitectura. Cando o vemos por primeira vez parece unha fábrica... sabedes por que?
Situado á beira do mar, nun peirao onde se poden ver moitas embarcacións mariñeiras, está distribuído en tres edificios: dous de exposicións e un que acolle o Acuario.
Entre os dous edificios principais, na zona chamada "A Praza", podemos ver o Castro da Punta do Muíño, un poboado habitado entre os séculos VIII e I a.C.
No exterior do Museo tamén hai un Faro, pequeniño e de carácter simbólico (é dicir, que non funciona como guía), servindo coma homenaxe a todos os Faros de Galicia, que son unha construción característica da nosa costa. Pola súa ubicación, é un fermoso miradoiro das Illas Cíes.
Unha das pezas expostas no museo é o esqueleto dun cachalote femia, que apareceu varada na praia de Montalvo, en Sanxenxo. Na exposición podemos ver paneis que nos informan do proceso de limpeza dos ósos, montaxe do esqueleto e información interesante acerca dos cachalotes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario